domingo, 7 de septiembre de 2008

Lourenzo Fernández Prieto, Director do proxecto ´As vítimas, os nomes, as voces, os lugares´: ´O franquismo non ten herdeiros pero hai temor a remover

Fuente: El Faro de Vigo.

Lourenzo Fernández Prieto, Director do proxecto "As vítimas, os nomes, as voces, os lugares": "O franquismo non ten herdeiros pero hai temor a remover o pasado"
"É un asunto delicado por abrir debates que ó mellor non se poden pechar"
XERARDO PORTO / SANTIAGO

O catedrático Lourenzo Fernández Prieto ultima a listaxe dos mortos durante o franquismo para enviarlla ao xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón. Quedará traballo por facer, pero estarán postas as bases para un Centro da Memoria que investigue toda a ditadura. Até o final. E o profesor reclama converter todos eses coñecementos en Historia, para deixar de estar presos das dúas memorias enfrentadas.- Aquí só se fai o estudo dun bando?- En Galicia non hai dous bandos, só hai un. Se o traballo se circunscribe a Galicia, unicamente estudamos a represión franquista. Pero se se estuda dende Madrid ou Cataluña, o tema é moito máis complexo. - Foi complexa a investigación?- Levamos investigando case dous anos e medio. Foi difícil na medida en que houbo que percorrer moitos lugares, moitos arquivos municipais, rexistros civís... Houbo un equipo traballando en Ferrol durante meses nos arquivos militares, da Mariña e de Terra. E fixéronse moitas entrevistas movéndose por toda Galicia, e todo con transporte público. Agora, o equipo de investigación dispón dun coche, pero antes nin iso. Os fondos sempre son limitados.- Que espera a xente atopar nos arquivos da Igrexa?- Non o sei, supoño que será para poder cotexar os nomes. Os rexistros parroquiais recollen o nome e a data de defunción, pero non aportan máis información cos rexistros civís. Serven para cotexar os datos.- Que pode aportar a intervención do xuíz Garzón?-É un paso máis na naturalización social. O que aporta xudicialmente xa se verá, pero atende un asunto que nunca tratara. A xente coñecía e sufría o tema; viñeron os historiadores; convertiuse nun asunto social cando os netos se preocuparon. Os netos son os que din: queremos saber onde están os mortos. E aínda que haxa un baleiro legal, pedimos os permisos e furamos. E abrimos as foxas. Como non imos saber isto se o saben os arxentinos! E avanzamos. Logo hai unha naturalización política do asunto, coa lei da Memoria Histórica. E agora un xuíz quere coñecer o número de desaparecidos, para saber se hai un delito de xenocidio. Iso é o significativo. E moita publicidade. Nós, dende onte, tivemos unha morea de chamadas pedindo información. "Meu avó chamábase...", aparece nos rexistros?". - É suficiente a colaboración da administración autonómica?- A declaración do 2006 como Ano da Memoria polo novo Goberno supuxo un avance notabilísimo. Para poder entrar en xulgados e rexistros civís, que antes non se podía. Para que a xente queira contar e colaborar. E convertir o que antes era unha lacra, en algo que alguén desexa coñecer. Antes había máis portas pechadas, pero non só na administración, senón en xeral. Había menos vontade de coñecer. Hai comunidades autónomas, non vou decir cales, nas que os meus colegas teñen multitudes de problemas para acceder á información.- Entón o cambio de Goberno foi decisivo- Efectivamente. Aí está o pulo e a naturalización que fixo a delaración do Ano da Memoria, que primeiro se fixo en Galicia antes que a nivel estatal.- O anterior goberno poñía atrancos?- Non é tanto un problema de gobernos como de impulso político e opinión pública.- Quen se ten que facer cargo de excavar as 26 foxas comúns e os 11 puntos de afundimento?- A realidade é que dende o 2000, que se excavou a primeira, a iniciativa é particular, e os poderes públicos, que coñecen o asunto, non actúan en consecuencia. O caso é que non sei porque non se fixo, cada un tén a súa resposta. Que se debese de facer parece o máis razoable. É evidente que é un asunto delicado por abrir debates que ao mellor non se sabe como se poden pechar. É un pasado incómodo. Unha consecuencia da acción de Garzón pode ser un respaldo xudicial para actuar tamén políticamente, pois é evidente que en ningún sitio están actuando as administracións. - Tén que ter medo a dereita, ou a Igrexa, do que poida saír da investigación?- Eu creo que o franquismo non ten herdeiros. Todo o mundo deberíase comportar coma se o franquismo non tivese herdeiros. Agora, non hai novidade con outros países como Francia ou Italia, hai un comportamento semellante, de temor a remover o pasado. O coñecemento, converter todo iso en historia, é bo para todo o mundo: para a democracia e para a sociedade. Ninguén debe sentirse herdeiro do franquismo e, en todo caso, o que se sinta así debe liberarse. - Porque o medo logo?- O conflito foi hai 70 anos, e hoxe vivimos unha situación distinta. Todos temos unha visión do pasado: dun bando ou doutro. E a democracia non fixo ningún esforzo para resolver este problema. Seguimos en parte coas propias mentiras que o réxime construiu. Hai que limpar as mentiras do franquismo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario